Saturday 18 de May de 2024

Inés Rey: “Neste mandato demos a Xuxán a entidade e os recursos para ser un barrio coruñés de pleno dereito”


A alcaldesa supervisou os traballos de urbanización e a apertura dos novos espazos de xogos infantís e deportivos da contorna

O barrio conta xa con máis dun milleiro de árbores e 16.000 metros cadrados de zonas verdes

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou esta tarde os traballos de urbanización de Xuxán e a apertura das primeiras zonas de xogos infantís e o parque de calistenia e biosaudable do barrio. O Concello comezou en xaneiro uns traballos que contan cun investimento superior aos 11 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses que permitirán á contorna dispoñer de múltiples servizos públicos inexistentes ata o de agora. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.

Xuxán contará cun total de catro zonas recreativas. Dúas foron as que entraron hoxe en funcionamento e as outras estarán situadas na gran praza central proxectada, que comezará a súa execución próximamente. “Será o gran punto de encontro das persoas residentes do barrio, cunha superficie de máis de 500 metros cadrados na que haberá xogos infantís, equipamento deportivo, zonas verdes e mobiliario urbano”, sinalou a rexedora.

Rey apuntou que o seu Goberno municipal deu os pasos necesarios para dotar a Xuxán dos servizos necesarios desde que foi habitado hai tres anos. En total, en Xuxán aprobáronse 11 licenzas urbanísticas, a maior parte no actual mandato, para edificar na contorna para un total de 832 vivendas, moitas delas xa executadas. “Impulsamos o barrio de Xuxán tanto na parte pública que lle toca ao Concello, coa urbanización que xa está en marcha, como co apoio á iniciativa privada, coa concesión de licenzas para a construción”, dixo a alcaldesa.

Por outra banda, Inés Rey destacou o esforzo do Goberno municipal por ampliar as zonas verdes da contorna neste proxecto de urbanización. En Xuxán hai, a día de hoxe, un total de 1.035 árbores de 20 especies e 2.835 arbustos de oito tipos distintos. Entre as árbores, hai tres oliveiras transplantadas desde espazos próximos. En total, hai máis de 16.000 metros cadrados de zonas verdes, entre superficie de céspede e pradeira natural. Por outra banda, habilitáronse recentemente tres zonas verdes no núcleo de Eirís de Abaixo, moi próximas a Xuxán.

O proxecto de urbanización de Xuxán comezou a executarse pola zona que está xa habitada do barrio. Instalouse mobiliario urbano como bancos e varandas e creouse un carril bici. En total, hai a día de hoxe oito fontes de auga, 85 papeleiras e 50 bancos. Os traballos, que dependen da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, continuarán agora coa creación da gran praza central e na contorna das vías do tren.

O Goberno de Inés Rey leva investido nos diferentes barrios da cidade máis de 40 millóns de euros desde o 2019. “Neste mandato demos a Xuxán a entidade e os recursos necesarios para ser un barrio coruñés de pleno dereito. Estas obras confirman o noso compromiso coa mellora integral da cidade”, sinalou a alcaldesa.